miércoles, 29 de mayo de 2024

SIMULACRO DE EVACUACIÓN

Hoxe, mércores 29, chegou o momento do SIMULACRO DE EVACUACIÓN que hai uns días tiñamos anunciado que podería pasar en calquera momento...
Nas clases, lembramos as normas de evacuación, ensaiamos como actuar e o percorrido a realizar.
Cando comezou o simulacro puxémonos en marcha e conseguimos chegar ao punto de encontro na pista azul sen incidencias.


martes, 28 de mayo de 2024

VISITA Á BASE HELITRANSPORTABLE DE "O CAMPIÑO"

Hoxe visitamos a Base da Brigada Forestal Helitransportada de O Campiño. Resultou unha experiencia divertida e moi enriquecedora. 

Vimos a central onde se reciben as mensaxes de emerxencia, subimos ao helicóptero, probamos a usar unha gran mangueira, explicáronnos o EPI (Equipo de Protección Individual), tamén vimos un camión de emerxencias...admiramos as vistas desde o heliporto.

Finalmente compartimos as tres clases o momento da merenda e un tempiño de xogo.

 


martes, 21 de mayo de 2024

CONCERTO LETRAS GALEGAS

O martes 21 de maio asistimos no patio do cole ao concerto do grupo musical PESDELÁN no colexio.

Ás clases de 3º tocounos interpretar "SON DE LOS DIABLOS", unha danza de Entroido do Perú.



jueves, 16 de mayo de 2024

LETRAS GALEGAS 2024: LUÍSA VILLALTA

Esta semana estivemos investigando sobre a vida e obra de Luísa Villalta Gómez, a homenaxeada nas Letras Galegas 2024.

Buscamos informacións, participamos na busca de datos polos corredores do centro e rematamos montando un libriño de lapelas sobre ela que nos quedou chulísimo.

jueves, 9 de mayo de 2024

OBRADOIRO VIAQUA

Hoxe participamos na biblioteca dun obradoiro de Viaqua con materiais dixitais e interactivos sobre contidos relacionados co uso responsable da auga, como chega a auga ás nosas casas, os tratamentos que recibe para que sexa potable ou para devolvela ao medio natural.

Vimos un curto explicativo, debatimos sobre os ciclos natural e urbano da auga, a importancia da auga, o cambio climático...e fixemos uns pequenos experimentos.  



 


 

miércoles, 8 de mayo de 2024

ROTEIRO CENTRO HISTÓRICO DE PONTEVEDRA

 
Realizamos un roteiro polo centro histórico de Pontevedra dirixido por Raquel Abollo, guía turística do concello de Pontevedra.
Resultou moi entretido e cargado de anécdotas e curiosidades que  compartiremos coas nosas familias. 

VISITA AO MUSEO DE PONTEVEDRA

E chegou o día da esperada visita ao Museo de Pontevedra. Participamos nunha actividade titulada CAIXA DE FERRAMENTAS: Un paseo pola Prehistoria.
Explicáronnos a evolución da tecnoloxía e o uso de diferentes materias primas e a súa transformación. Repasamos conceptos arqueolóxicos. Tocamos réplicas de obxectos expostos nas vitrinas. Manexamos información dos diferentes períodos da Prehistoria. Admiramos algunhas coleccións como o tesouro de Caldas
 


martes, 7 de mayo de 2024

OBRADOIRO GAME OVER


Hoxe nas aulas de 3º tivo lugar un obradoiro titulado "Machismo Game Over" a cargo de Cristina Louzán, a través da metáfora do videoxogo. Foi unha sesión de reflexión con mirada coeducativa e igualitaria polo bo trato e contra a discriminación.

jueves, 2 de mayo de 2024

EXPOSICIÓNS ORAIS NAS AULAS DE 3º

O día 9 de abril iniciamos un ciclo de exposicións con temas de Ciencias Sociais ou Ciencias da Natureza en lingua galega.

As exposicións foron individuais cunha duración máxima de dez minutos e podían acompañarse con fotos, esquemas, maquetas, presentacións PPT,  cartolinas-murais, libros ou contos...

A orde de participación realizouse por sorteo nas nosas aulas.

A listaxe dos temas foi moi variada, escoitamos con moita atención e aprendimos a ser un público entusiasta e respectuoso coas aportacións dos demais.

Compartimos algunhas  imaxes destas exposicións: